terça-feira, 20 de outubro de 2009

Abrindo un debate transformador

As e os integrantes da Proposta Militante defendemos ao longo do proceso asemblear unha serie de reflexións, posicionamentos e estratexias, que tentamos incorporamos aos textos, tanto no seu proceso de redacción como por medio do debate e a formulación de emendas nas comarcas. De acordo coa nosa liña de transparencia co conxunto da organización, expoñemos agora estas propostas sucintamente:

Defendemos unha afirmación explícita de Galiza Nova como organización de esquerdas, para que a nosa definición estatutaria concorde co que hoxe xa é unha realidade. Pensamos que se o imperialismo é o sistema de explotación capitalista vixente no noso país –postura xa asumida por Galiza Nova noutros procesos, e non cuestionada a día de hoxe por ningún sector da organización-, a única forma de superalo é gañar a soberanía á vez que impulsamos a contrución dun modelo social alternativo: dous combates fundidos no mesmo obxetivo, na mesma organización. Ao tempo, a definición permítenos conxurar tacticismos interclasistas, que tan caros nos foron no pasado, tanto para a nosa actuación como para a imaxe do nacionalismo entre a mocidade. Neste sentido, deberemos desterrar xa o discurso difuminado no nacional e conciliador coas clases sociais oligárquicas que ten dominado no noso paso polo goberno.

Do mesmo xeito, insistimos em rachar co tabú existente en boa parte do nacionalismo sobre a cuestión da independencia: a negación do direito a un Estado independente e soberano é unha das principais formas de opresión nacional, e dificilmente poderá culminar com éxito o noso proceso de liberación nacional sen a constitución do noso proprio. Non podemos dedicar os nosos esforzos a reformar o irreformábel: a soberanía plena da Galiza atópase fora da orde constitucional vixente, resultado dunha reforma ilexítima pactuada entre as elites dirixentes do franquismo. Non podemos aspirar a unha integración fraudulenta por vía estatutaria nun sistema deliberadamente deseñado para negarnos como pobo.

Reclamamos tamén unha análise ponderada do noso paso polo goberno, para fuxir de triunfalismos esteréis. O certo é que as políticas das consellarías do PSOE en mocidade foron continuístas –ao igual que, en xeral, en todo o seu paso polo goberno- e, no que respeita ás nacionalistas, actuacións positivas e negativas sucedéronse sen un guieiro claro no camiño da emancipación nacional e social. En particular, temos que sinalar as limitacións impostas pola formulación do goberno bipartito á Dirección Xeral de Xuventude, que tivo que orientar o seu traballo cara ámbitos de sexualidade e lecer, lastrando así a súa necesaria transversalidade e capacidade de influencia en ámbitos cruciais para a mocidade. Con todo, o máis grave foi que as eivas e limitacións trasladáronse mecanicamente desde o governo e o BNG a Galiza Nova, no periodo de menor autonomía política, discursiva e prática, da sua historia, de xeito que a organización perdeu referencialidade.

Se queremos un país distinto, tamén nós debemos cambiar, a comezar pola nosa propia estruturación interna. A particular concepción da pluralidade do sector oficialista levou a deixar sen representación na Permanente a 4 de cada 10 militantes durante este período, o que non axudou en nada ao reforzamento da organización. É por isto que reclamamos que este organismo sexa escollido de forma directa na Asemblea Nacional, de xeito que reflicta as diferentes visións da organización; esta fórmula permitiría tamén alargar a democracia interna, de xeito que toda a militancia poida pronunciarse sobre a súa composición. A votación desta proposta permitirá comprobar a vontade real de integración e pluralismo do sector maioritario. Ao tempo, debemos redefinir a Dirección Nacional, para primar os organismos colexiados sobre os executivos e fuxir de debates e decisións precociñadas.

Argumentamos tamén a necesidade de incorporar novas atitudes e discursos no traballo feminista, caracterizado pola súa absoluta falta de iniciativa neste período. Defendemos um modelo que non despreza aportacións doutros modos de entender o feminismo, que parta da formación como base e ferramenta de análise e aposte por un outro modelo estructural, social, de relacións, cultural e de todo tipo, de xeito que ambos xéneros enfronten o patriarcado.

Queremos tamén un novo modelo de relación cos movimentos sociais, que abandone a tentación de dirixismo e subordinación no caso de existiren coincidencias, e o desprestixio e distanciamento absoluto de darse diverxencias, xa que este comportamento só provoca a desconfianza do nacionalismo político en parte da nosa base social.

Se queremos o respeito da mocidade, debemos comezar por respeitarnos a nós proprios. Galiza Nova non pode ser un simples apéndice do BNG –e moito menos de goberno nengún, o que nos conduce á parálise- senón que temos que pular pola nosa autonomía, manter posturas propias en todos e cada um dos temas que afectan á mocidade galega. Do contrario, que sentido ten a nosa existencia?

Por último, hai un amplo abano de temáticas que merecen a nosa atención nesta cita asemblear: do internacionalismo real á defensa da lingua na rúa, da situación da mocidade no rural á necesidade de traballar en todas as comarcas dos país, fora dos límites impostos desde Madrid á Comunidade Autónoma Galega; da denuncia das normativas municipais represivas en torno ao “botellón” á análise da desgaleguización do deporte; da formación a partir do debate á xestión colectiva da comunicación interna e externa. O debate está aberto.