Nas seguintes liñas imos tentar convencerte de que esta candidatura representa o proxecto máis coherente, combativo e transformador para Galiza Nova.
Por que unha Proposta Militante?
A nosa é unha proposta aberta ao conxunto das e dos integrantes de Galiza Nova, desde coordenadas explicitamente anticapitalistas e soberanistas, que avoga polo protagonismo absoluto da militancia na vertebración dun movimentos xuvenil galego, unha alternativa que respeita outras concepcións da organización, pero que aposta por rachar co institucionalismo, a ausencia de iniciativa política e de mobilización social, o verticalismo e o sectarismo dos tempos de hoxe. Porque a deriva da nosa organización non permite xa enfrontar coa firmeza necesaria as políticas españolizadoras de dereitas promovidas polos gobernos de PSOE e PP en Madrid e Compostela, con consecuencias palpábeis e dramáticas sobre a mocidade galega. Porque precisamos acumular forzas alí onde lle doa ao sistema: por abaixo e na esquerda, contra a dependencia e a colonización, pola independencia nacional.
O nacionalismo xuvenil non se atopa, hoxe por hoxe, á altura deste desafío: atópase inoperante e sen leme ante os principais problemas da mocidade galega, que olla para Galiza Nova como unha organización ausente.
Realmente, a organización estivo secuestrada durante estes dous anos e medio:
- O pluralismo foi barrido dos organismos nacionais, onde mesmo se agruparon cargos –despois completamente inoperativos- para deixar con menos responsabilidades aos sectores críticos, xa excluídos por completo da Comisión Permanente; predominaron os organismos executivos fronte aos colexiados, de xeito que os debates chegaron precociñados ás Direccións Nacionais; tamén as comarcas “non afíns” foron marxinadas com maior ou menor intensidade segundo o caso.
- A reflexión ante a perda de apoio do nacionalismo entre a mocidade –debido a homologación deste- non apareceu nen sequera despois da catástrofe eleitoral.
- A iniciativa política, ante fenómenos como a crise do neoliberalismo, a implantación do Plano Boloña, as plataformas polo exterminio da nosa lingua, a destrución do ensino público, as agresións á natureza, os recortes en liberdades... foi inexistente.
- O soberanismo permanece gardado nunha gaveta á espera de tempos mellores –que mellor imaxe que un Festigal no que aínda non aparece nin un só símbolo nacional- e a esquerda dilúese nun vago interclasismo.
- O traballo en feminismo reduciuse á edición dun folleto sobre os 20 anos e a participación nun encontro internacional da Marcha Mundial en Vigo.
- Os movimentos sociais máis activos son observados desde a distancia, con recelo no mellor dos casos, e mesmo son considerados como inimigos em moitas ocasións.
Porén, nós sabemos que a rebelión comeza desde abaixo, a pesar do bloque hexemónico na dirección e non grazas a el. Vemos a organización rebelarse contra a lóxica do rebaño, axitarse un pouco por toda a parte, desde as comarcas e desde a base, a pesar da carencia de iniciativa da dirección; ollamos á militancia colaborar en amplos e diversos movimentos sociais dunha pluralidade rica e fértil para o país, desde a loita operaria e a estudantil até a ecoloxista, cultural ou deportiva; comprobamos como ducias de mozas e mozos nacionalistas sinten cada inxustiza, no país e fora del, como propia, e organízanse para as combater; debatimos e discutimos entre nós sobre as posibilidades da rebelión na Galiza do século XXI e no mundo.
As e os militantes de Galiza Nova sabemos xa que vale a pena loitar para conquistar a liberación da nosa patria e deter a aqueles que viven á custa do noso traballo.
Galiza Nova só precisa que alguén rompa os ferrollos para poder desenvolver todas as nosas potencialidades, e á vez chegar ata máis mocidade galega. Con todo, anunciamos a nosa disposición a colaborar co conxunto da militancia, desde a base ata a dirección, sen practicar os sectarismos que tan custosos foron no pasado, e non para unha ou outra sensibilidade, senón para o conxunto da organización. Porén, pensamos que esta candidatura, promovida por militantes da organización Isca! e independentes de distintas comarcas e idades, é a chave que precisamos, e por iso reclamamos o teu apoio.